Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Sesión de contacontos con Charo Pita e Sophie Heydel

luns, 19 de decembro de 2016

Fonte: Biblioteca Espera do IES O Mosteirón (Sada)
Mañá pola tarde o alumnado da ESO terá a oportunidade de asistir a unha sesión de contacontos da man de Charo Pita e Sophie Heydel, que nos traen unha selección de contos tradicionais do mundo en galego e inglés grazas á colaboración dos Departamentos de Lingua Inglesa, Lingua Galega e o Equipo de Normalización Lingüística.
 
Charo Pita é unha coñecida escritora e contadora de historias que, tras a xubilación do seu antigo compañeiro de contadas, Tim Bowley, estará acompañada por Sophie Heydel, actriz británica formada en The Guildhall School of Music and Drama e afincada en Barcelona dende hai algúns anos.

Actualización da listaxe de lecturas de 4º ESO (2º trimestre)

domingo, 18 de decembro de 2016

Tede en conta os seguintes aspectos á hora de escoller unha lectura para este trimestre:
  1.  O traballo debe seguir o guión que xa empregamos no curso pasado ou o cuestionario proposto para algunhas destas lecturas (identifícanse na listaxe).
  2. O asterisco (*) indica que o título marcado debe acompañarse da lectura doutro título debido á súa extensión breve.
  3. O alumnado que queira ler outro título que non apareza na listaxe, debe consultalo co profesor.
  4. Se premedes nos títulos, poderedes ler a presentación editorial de cada obra.
NARRATIVA (NOVELA)
NARRATIVA (NOVELA BREVE / RELATOS)
BANDA DESEÑADA
POESÍA
TEATRO

DATA LÍMITE PARA A ENTREGA DO TRABALLO: 

Venres, 17 de febreiro de 2017.

Dragalicémonos!

Coa primeira entrega de Dragal, subtitulada "A herdanza do dragón", mergullámonos nunha exitosa saga que segue as pegadas do último dragón galego. Con ela, a escritora Elena Gallego Abad cativou o interese de miles de lectores e lectoras en diversas linguas cunha historia que vai máis alá das páxinas dos seus libros.

Pero vai ser mellor calar e deixar que sexades vós mesmos os que vos mergulledes nesta aventura que nos deparará diferentes sorpresas ao longo do trimestre que imos comezar. Para comezar, aquí tedes o 1º capítulo e o booktráiler da saga:

Francisco Castro, autor do segundo trimestre en 1º da ESO

Logo da modesta homenaxe que lle fixemos a Agustín Fernández Paz para comezar o curso, a quenda agora é para Francisco Castro, autor dunha dilatada e premiada traxectoria tanto no eido da literatura infantil e xuvenil como da narrativa adulta que podedes seguir no seu blogue A canción do náufrago, onde nos achega as súas reflexións sobre os libros, a cultura, a lingua, a educación, a actualidade e as súas propias creacións literarias. Estes son os títulos escollidos da súa autoría para este trimestre:

Chamádeme Simbad 

O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o mundo. Incluso ao seu neto. Que se chama Paulo, pero que para o avó é Simbad o Mariñeiro. As cadeiras son barcos e os piratas rodéanos por todas partes. E hai filibusteiros inimigos alí onde mires. Os adultos, coa súa mirada de adultos, non poden entender nada. Pero Paulo si que comprende o avó. Porque é un neno con mirada de neno. El é o único que o entende. El é o único que, cando as cousas se poñan feas, vai saber como actuar. Paulo, ou Simbad o Mariñeiro, tanto ten, loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.

Un bosque cheo de faias é unha historia sobre a violencia neonazi. Un grupo ultra e racista comeza a dar sinais de vida na cidade: pintadas, agresións aos "diferentes", panfletos que invitan ao odio e á xenofobia... Mais axiña han centrar a súa carraxe criminal en Nelson, un rapaz inmigrante de 15 anos que só desexa ter unha vida normal. Os seus amigos han loitar por lle poñer fin ao abuso e acabar coa persecución e a intolerancia que se centra sobre el. Un bosque cheo de faias é tamén unha historia de amizade, intriga e de equívocos fatais.
O segredo de Marco Polo
O autor viaxa á Venecia do século XIII para vivir a historia de amor entre un mozo soldado, fillo do militar máis importante da cidade (un home dominante que anula a capacidade de decisión do seu fillo), e unha principessa, Naia, fermosa e adorada por toda a cidade, sobriña do Dogo e obrigada a un matrimonio de estado cun home que non quere e nin sequera coñece. A historia de amor entre o soldado e a princesa é un amor imposible. Ata que entra en xogo un Marco Polo que vai vivir, axudando aos dous amantes, a súa derradeira aventura. Polo medio, un enigma, un segredo que non se desvelará ata o final desta novela na que o autor recrea xa non só a Venecia do seu esplendor, senón que nos fai viaxar, da man do Marco Polo, xa maior, ás terras da China e Mongolia que o xenial viaxeiro visitou por vez primeira na súa xuventude.