Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Sesión de contacontos con Charo Pita e Sophie Heydel

luns, 19 de decembro de 2016

Fonte: Biblioteca Espera do IES O Mosteirón (Sada)
Mañá pola tarde o alumnado da ESO terá a oportunidade de asistir a unha sesión de contacontos da man de Charo Pita e Sophie Heydel, que nos traen unha selección de contos tradicionais do mundo en galego e inglés grazas á colaboración dos Departamentos de Lingua Inglesa, Lingua Galega e o Equipo de Normalización Lingüística.
 
Charo Pita é unha coñecida escritora e contadora de historias que, tras a xubilación do seu antigo compañeiro de contadas, Tim Bowley, estará acompañada por Sophie Heydel, actriz británica formada en The Guildhall School of Music and Drama e afincada en Barcelona dende hai algúns anos.

Actualización da listaxe de lecturas de 4º ESO (2º trimestre)

domingo, 18 de decembro de 2016

Tede en conta os seguintes aspectos á hora de escoller unha lectura para este trimestre:
  1.  O traballo debe seguir o guión que xa empregamos no curso pasado ou o cuestionario proposto para algunhas destas lecturas (identifícanse na listaxe).
  2. O asterisco (*) indica que o título marcado debe acompañarse da lectura doutro título debido á súa extensión breve.
  3. O alumnado que queira ler outro título que non apareza na listaxe, debe consultalo co profesor.
  4. Se premedes nos títulos, poderedes ler a presentación editorial de cada obra.
NARRATIVA (NOVELA)
NARRATIVA (NOVELA BREVE / RELATOS)
BANDA DESEÑADA
POESÍA
TEATRO

DATA LÍMITE PARA A ENTREGA DO TRABALLO: 

Venres, 17 de febreiro de 2017.

Dragalicémonos!

Coa primeira entrega de Dragal, subtitulada "A herdanza do dragón", mergullámonos nunha exitosa saga que segue as pegadas do último dragón galego. Con ela, a escritora Elena Gallego Abad cativou o interese de miles de lectores e lectoras en diversas linguas cunha historia que vai máis alá das páxinas dos seus libros.

Pero vai ser mellor calar e deixar que sexades vós mesmos os que vos mergulledes nesta aventura que nos deparará diferentes sorpresas ao longo do trimestre que imos comezar. Para comezar, aquí tedes o 1º capítulo e o booktráiler da saga:

Francisco Castro, autor do segundo trimestre en 1º da ESO

Logo da modesta homenaxe que lle fixemos a Agustín Fernández Paz para comezar o curso, a quenda agora é para Francisco Castro, autor dunha dilatada e premiada traxectoria tanto no eido da literatura infantil e xuvenil como da narrativa adulta que podedes seguir no seu blogue A canción do náufrago, onde nos achega as súas reflexións sobre os libros, a cultura, a lingua, a educación, a actualidade e as súas propias creacións literarias. Estes son os títulos escollidos da súa autoría para este trimestre:

Chamádeme Simbad 

O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o mundo. Incluso ao seu neto. Que se chama Paulo, pero que para o avó é Simbad o Mariñeiro. As cadeiras son barcos e os piratas rodéanos por todas partes. E hai filibusteiros inimigos alí onde mires. Os adultos, coa súa mirada de adultos, non poden entender nada. Pero Paulo si que comprende o avó. Porque é un neno con mirada de neno. El é o único que o entende. El é o único que, cando as cousas se poñan feas, vai saber como actuar. Paulo, ou Simbad o Mariñeiro, tanto ten, loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.

Un bosque cheo de faias é unha historia sobre a violencia neonazi. Un grupo ultra e racista comeza a dar sinais de vida na cidade: pintadas, agresións aos "diferentes", panfletos que invitan ao odio e á xenofobia... Mais axiña han centrar a súa carraxe criminal en Nelson, un rapaz inmigrante de 15 anos que só desexa ter unha vida normal. Os seus amigos han loitar por lle poñer fin ao abuso e acabar coa persecución e a intolerancia que se centra sobre el. Un bosque cheo de faias é tamén unha historia de amizade, intriga e de equívocos fatais.
O segredo de Marco Polo
O autor viaxa á Venecia do século XIII para vivir a historia de amor entre un mozo soldado, fillo do militar máis importante da cidade (un home dominante que anula a capacidade de decisión do seu fillo), e unha principessa, Naia, fermosa e adorada por toda a cidade, sobriña do Dogo e obrigada a un matrimonio de estado cun home que non quere e nin sequera coñece. A historia de amor entre o soldado e a princesa é un amor imposible. Ata que entra en xogo un Marco Polo que vai vivir, axudando aos dous amantes, a súa derradeira aventura. Polo medio, un enigma, un segredo que non se desvelará ata o final desta novela na que o autor recrea xa non só a Venecia do seu esplendor, senón que nos fai viaxar, da man do Marco Polo, xa maior, ás terras da China e Mongolia que o xenial viaxeiro visitou por vez primeira na súa xuventude.

Nós somos os libros de Agustín que lemos

luns, 10 de outubro de 2016

A nosa modesta homenaxe a Agustín Fernández Paz, que nos deixou este verán, non podía consistir noutra cousa que non fose ler a súa obra e acompañar nesta lectura aos milleiros e milleiros de lectores e lectoras que ten por Galiza e polo mundo adiante. A partir destes títulos, en 1º e 2º da ESO trataremos de argallar algunha actividade máis que iremos descubrindo conforme avance o trimestre. 

Mestre, pedagogo, escritor e militante da lingua, da súa Terra e da xustiza social, a súa obra é extensísima, tanto como a nómina de premios e recoñecementos, entre eles o cariño dos lectores aos que nunca dubidou en achegarse en feiras de libros, nas aulas dos colexios, nos clubes de lectura...

Agora somos nós os que nos achegamos unha vez máis a el. Esta é a escolla de títulos que fixemos para comezar o curso. Agardamos que asúa lectura sexa só a primeira, ou unha máis, das moitas que nos esperan de Agustín Fernández Paz. 

1º ESO 
2º ESO

Primeira listaxe de lecturas para 4º da ESO (2016-2017)

Tede en conta os seguintes aspectos á hora de escoller unha lectura para este trimestre:
  1.  O traballo debe seguir o guión que xa empregamos no curso pasado ou o cuestionario proposto para algunhas destas lecturas (identifícanse na listaxe).
  2. O asterisco (*) indica que o título marcado debe acompañarse da lectura doutro título debido á súa extensión breve.
  3. O alumnado que queira ler outro título que non apareza na listaxe, debe consultalo co profesor.
  4. Se premedes nos títulos, poderedes ler a presentación editorial de cada obra.
NARRATIVA (NOVELA)
NARRATIVA (NOVELA BREVE / RELATOS)
BANDA DESEÑADA
POESÍA
TEATRO
 

 
DATA LÍMITE PARA A ENTREGA DO TRABALLO: 

25 DE NOVEMBRO!

II Concurso de Vídeo-Móbil pola Lingua

sábado, 4 de xuño de 2016

Algunhas de vós andades a preguntar estes días polo II Concurso de Vídeo-Móbil pola Lingua, que organiza a Asociación Cultural Queremos Galego de Marín tras unha primeira edición que foi todo un éxito o ano pasado. Basicamente, en que consiste? As bases poden ser consultadas nesta páxina mais facemos os eguinte resumo para todos/as vós:
  • O vídeo debe ter unha duración non superior a 3 minutos.
  • Deben procurar sensibilizar a sociedade no uso do galego, especialmente como lingua comunicativa e oral, ademais de denunciar discriminacións lingüísticas ou visualizar a potencialidade do idioma para ser desenvolvido con total naturalidade en calquera ámbito da vida. 
  • Os traballos deben ser enviados antes do 26 de xuño en calquera formato ao correo queremosgaleomarin@gmail.com.
  • Os premios son: 100€ para o 1º primeiro, 75€ para o 2º premio e 50€ para o 3º premio.
Na edición de 2015 presentáronse un total de quince vídeos elaborados tanto por mozos e mozas dos centros escolares marinenses como por persoas de diferentes puntos do mundo, mesmo de dende Oxford. Podedes botarlle unha ollada nesta ligazón.

“O teatro é a esencia da interpretación, o contacto directo co público”

mércores, 1 de xuño de 2016

Iria Vázquez Puentes
ARCADE. Actor de cine, teatro, televisión, humorista. Deuse a coñecer  no mundo televisivo con Padre Casares e Air Galicia. Nun descanso entre gravacións no plató respondeu as nosas preguntas.

 
- Es filólogo de formación, pero cando decidiches ser actor? Como te introduciches neste mundo?
Digamos que foi case por casualidade. Ao pouco de rematar a carreira, unha amiga que estaba a traballar como asesora lingüística na serie Mareas Vivas propúxome botar unha man tamén como asesor. Unha vez alí, tiven os mellores mestres e a mellor formación actoral que se pode ter. Traballar man a man con actores e actrices do mellor que hai en Galicia: Tosar, De Lira, Mela Casal, Carlos Blanco... Son un afortunado.
- Asesor lingüístico, guionista e finalmente colocácheste diante da cámara. Foi unha evolución natural?
Non sei se foi ou é evolución natural, pero, para alguén a quen lle gustou de sempre a interpretación, entrar a traballar nunha serie con ese elenco actoral e dos que podes aprender tanto é unha oportunidade que non podes deixar pasar.
Perfil
Actor e guionista (Düsseldorf, 1976). Entrou nas nosas casas a través da televisión, pero xa o vimos na grande pantalla (Retornos, Os Fenómenos ou 18 comidas) e mais no teatro (O florido pensil). Deportivista declarado e percusionista afeccionado, afirma que a normalización do galego é cousa de todos.
 
- Cales son as túas referencias no mundo da interpretación?
Pois coas dúas respostas anteriores xa case o dixen todo. Evidentemente hai tamén referentes que non coñezo persoalmente pero que me marcaron e marcan como actor e como espectador: Monty Python, Woody Allen, Peter Lorre, Vidal Bolaño, ... E moitas e moitos máis.
- Que momento vive o audiovisual galego?
Enganoso. Probablemente nunca houbese tanta produción como a que hai agora mesmo, pero o control de calidade segue deixando moito que desexar. A crise e a pouca aposta das institucións por facer do audiovisual un sector estructural son factores que non axudan a asentar a nosa produción. Temos unha tele propia, pero parece que aínda non somos conscientes do que eso significa. Un sinal de identidade, de normalización lingüística que perde forza.
- Con O florido pensil introduciuse no teatro e agora con O presidente segue percorrendo con éxito os escenarios. Que ten o teatro que quixo repetir a experiencia?
O teatro é a esencia da interpretación. O contacto directo co receptor. Oír e sentir as respiracións, as reaccións do público, é marabilloso. O teatro, ademais, ten outros tempos. O proceso de ensaios permite  traballar doutro xeito que a televisión e o cine non teñen.
- Televisión, cine e teatro: onde te atopas máis cómodo?
Cómodo estou nos tres. Xa digo que o teatro ten outros tempos para profundar máis no traballo creativo e interpretativo, pero cada cousa ten o seu aquel. A tele é máis inmediata, epro non por eso peor. A min gústame interpretar.
- Estamos máis acostumados a verte en papeis humorísticos, para cando te veremos como o malo da película?
Cando queiran os directores e produtores deste país. A ver se non tardan.
- Participaches en series de sona como Padre Casares e agora en Era visto, como se leva iso de que te paren pola rúa para falar?
Lévase ben. A quen non lle gusta que lle digan cousas bonitas? Eu considero que esas mostras forman parte do noso mundo. Creo que son o mellor medidor de audiencias que pode haber.
- En que novos proxectos andas metido?
Pois agora ando en varias frontes: "Curtis e Teixeiro", "O presidente", e ademais estou a preparar un novo monólogo que estrearei dentro de pouco. Chamarase "A noite do capador".
- Disque tamén lle pegas á percusión, atoparemos a Fede Pérez bourando na batería algún día? Que músicas e bandas escoita?
Sempre me gustou a percusión, pero o  meu tren como músico xa pasou, a non ser que me queiran nalgunha charanga. A música é terapéutica, dáme aire, alegría. E gústame de todo, desde Prokofiev a Queens of the Stone Age, pasando polo Adriano Celentano e Xabier Díaz. Que sería de nós sen a música?
- Es un home comprometido con diversas causas sociais, como a defensa do idioma. Tan mal está a situación?
Está mal porque hai moita xente que tiña que estar facendo que non estivese mal, pero non fan nada por mellorar a cousa. Hai nomes e apelidos, Feijoo, os conselleiros últimos de Cultura, os directores xerais de Normalización Lingüística, a televisión pública... Ou traballamos todos ou esto pinta moi mal.
- A estas alturas os teus seguidores non temos dúbida de que es do Dépor. Cando gozaremos doutro Súper Dépor?
Oi, creo que é a pregunta máis complicada do cuestionario. Espero que dentro de pouco.