Comezamos o
curso cunha primeira escolla de lecturas para 2º da ESO que agardamos que responden aos diferentes gustos e intereses de todos e todas vós.
Hai suspense e misterio, humor de ultratumba, a descuberta da vida e do mundo que nos rodea, a actual (por desgraza) realidade da guerra e da inmigración e a descuberta dun pasado doloroso que ás veces se oculta e se descoñece, o da Guerra Civil española.
Hai algúns días acordamos a primeira listaxe de lecturas para este primeiro trimestre e algúns e algunhas de vós xa estades avanzados nas novelas escollidas. Moi ben! Imos aló entón co guión dese traballo, que por primeira inclúe un apartado creativo, que vai ser diferente para cada lectura e para lector/a, e que debemos acordar sobre a marcha.
GUIÓN DE TRABALLO COMÚN 0. Ficha bibliográfica
- Datos básicos:
título, nome e apelidos do autor, colección, editorial, lugar e data de
edición.
- Xénero
literario: narrativa (novela ou libro de relatos), poesía, teatro.
1. Argumento: non pode superar unha páxina de extensión.
Débese ser sintético e sintetizar a obra sen entrar en detalles superficiais.
2. Tema(s): sinalarase o tema
principal diferenciándoo, ademais, dos temas secundarios.
3. Estrutura: indicarase de que
partes de compón, se é lineal ou cronolóxica, circular, fragmentaria, etc.
4. Tempo e espazo: hai que
describir os espazos da obra e determinar a época na que ten lugar a acción. 5. Narrador/es e punto de vista.
6. Personaxes: diferenciar entre principais e secundarios.
Descrición dos protagonistas (aspecto físico, personalidade...).
7. Valoración persoal: hai que emitir
unha opinión argumentada sobre a lectura sinalando aquilo que máis/menos
gustou, os seus puntos fortes/fracos, os personaxes máis atractivos e
suxerentes, o que aprendeches coa súa lectura, etc. Débese facer unha especie
de recomendación para outros/as lectores/as na que indiques a que tipo de
lector pode gustarlle (segundo os temas e valores que trata, en relación a
outras obras lidas ou películas vistas, etc.). E unha última parte.... CREATIVA, individual ou
grupal, sobre a lectura: crear un cómic, un booktrailer, un mapa interactivo,
unha representación ou performance, unha presentación sobre algún aspecto
concreto, un clube de lectura, etc.
Tras a posta en común que fixemos na aula a semana pasada a respecto das lecturas deste trimestre, esta é a primeira selección de títulos. Os criterios seguidos para a súa escolla foron a diversidade temática e estilística, a súa actualidade e as posibilidades que ofrecen para seren traballadas tamén creativamente. Son apenas cinco, unha man, non máis, para permitir o diálogo entre os lectores e lectoras.
Unha novela negra: A praia dos afogados (Galaxia, 2009), de Domingo Villar
Despois do éxito de Ollos de auga, Domingo Villar preséntanos
esta apaixonante novela de intriga que mergulla o lector no mundo da
Galicia mariñeira, desde os areais das Rías Baixas á paisaxe urbana e as
tabernas da cidade de Vigo.
A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun
mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na
ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de
plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa
tumba entre as ondas mentres pescaba....
E ata aquí podemos ler! Novela multipremiada e traducida a diferentes idiomas, a obra está a piques de ser estreada na grande pantalla, este é o tráiler da película.
Unha historia de misterio, de lendas, de suspense: As sete mortes (Galaxia, 2009), de Carlos Vila Sexto
"Varona inclinouse sobre o cadáver e apartou a saba. Laura quedou
paralizada. Soubo de inmediato que aquel caso non ía facer máis que
complicarlle a vida...". Un relato fascinante que combina crime, esoterismo e misterio. Para quedar atrapados ata a última páxina... polo inevitable.
Os protagonistas da historia, un misterioso home de
pasado incerto e unha incrible facilidade para sobrevivir e unha restauradora
afectada por un trauma persoal, emprenden unha viaxe que dende Ourense lévaos
por toda Galicia pasando por Lugo, O Courel, Fisterra e Santa tegra ata a Torre
de Hércules. Unha viaxe desesperada que é ao mesmo tempo unha fuxida para
salvar a súa vida e unha procura da súa propia identidade seguindo as pistas
atopadas nun antigo pergamiño no que a lenda dos descendentes de Breogán transfórmase
en realidade (Clube de Lectura do IES Poeta Añón).
De amores e viaxes, unha novela iniciática: Ámote Leo A. I. Destino Xalundes (Xerais, 2013), de Rosa Aneiros
Catro amigos e unha gran viaxe. Este era o plan de Leo ao rematar os
estudos universitarios. En cambio, todo se esborralla uns meses antes de
partir, cando os seus colegas se botan atrás e Leo debe afrontar unha
decisión transcendental: desistir ela tamén ou marchar soa. A
encrucillada é difícil e as dúbidas afógana, pero a ansia por coñecer
mundo pode máis que todos os medos. Por fin, unha mañá de xaneiro fai
oídos xordos ás advertencias familiares e toma un avión con destino ao
sur. Estará fóra exactamente seis meses, nin día máis nin día menos.
Aquí comeza un periplo cheo de aventuras e de personaxes fascinantes no
que os seus pés a levarán moito máis lonxe do que nunca imaxinara.
Moito ollo, engancha! Os lectores e lectoras do curso pasado devoraron a segunda e a terceira parte na procura de novas cidades, novas culturas e do autor da misteriosa mensaxe que Leo atopa en todos os lugares que visita.
Unha intensa adolescencia en O corazón de Xúpiter (Xerais, 2012), de Ledicia Costas
Non foi doado para Isla mudar de cidade e empezar de cero nun novo
instituto. Devecía por dar un paseo polo espazo, avistando planetas a
través do telescopio, mergullada no ventre do universo. Casiopea, o nome
da tartaruga máxica de Momo, era o nick que empregaba nos foros sobre
astronomía nos que participaba adoito. Alí coñeceu a Xúpiter, alguén que
semellaba saber moito de estrelas. As longas conversas até ben entrada a
madrugada prenderan unha luz, entre os dous existía unha maxia que
traspasaba as fronteiras do ciberespazo. Isla sentiu a necesidade de
sabelo todo sobre Xúpiter: onde vivía, a que instituto ía, o seu nome
real…
Se queredes coñecer máis polo miúdo as motivacións e o proceso da escrita desta novela, non tedes máis que escoitar esta conversa que Ledicia Costas mantivo co alumnado do IES do Porto do Son.
Cando as paredes falan, en Reo (Galaxia, 2014), de Xesús Fraga
Reo é o rei dos graffiteiros da cidade: o que máis bombardea coa
súa sinatura, o máis comprometido coa súa arte; o mellor. O graffiti é o
que lle permite dar saída a todas as inquedanzas que lle bolen na
cabeza. Ata que un día un misterioso rival o reta nos muros da cidade.
Unha confrontación da que emerxerá transformado, aínda que non como Reo
espera. Velaquí un dos argumentos da novela gañadora do Premio Raíña
Lupa de Literatura Xuvenil 2013 e na que, ademáis de envolvernos nunha
trama trepidante arredor de Reo, o hip hop, as bandas dos barrios e ás
veces a tristeira vida cotiá de quen ten horizontes máis grandes, deita
unha interesante reflexión sobre a vida dos mozos e mozas dos nosos
días, sobre as súas angueiras e esperanzas. Reo está escrita nunha
linguaxe directa que nos atrapa dende o primeiro instante, como un
graffiti colorido e ben feito. Directo. Engaiolante. Definitivo.
Ademais do booktráiler, o autor acompañou o proceso creativo desta novela a través deste blogue.